Monday 29 de April de 2024

O Concello da Coruña pon en marcha a primeira ordenanza municipal de subvencións


A ordenanza prevé a creación dun Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios accesible a toda a cidadanía

O prazo para formular alegacións ou suxestións xa está dispoñible, e permanecerá aberto dende mañá 16 de xuño ata o 15 de xullo na sede electrónica municipal

O Concello da Coruña, a través da área de Economía, Facenda e Réxime interior, iniciou os trámites para a aprobación da primeira ordenanza municipal para a regulación das subvencións. Tras a aprobación do Plan Estratéxico de subvencións 2021-2023 o pasado 2021, o Goberno de Inés Rey puxo en marcha a elaboración dunha ordenanza para regular de forma xeral a concesión de subvencións na administración local.

O Concello da Coruña conta desde 2005 cunha Ordenanza Xeral de Subvencións na área de Benestar, máis ésta só atinxe aos ámbitos cultural, social e deportivo. Tal e como subliña José Manuel Lage, concelleiro de Economía, o obxectivo desta nova regulación é “seguir avanzando na optimización dos recursos, na racionalización dos procedementos e dotar de transparencia á xestión de todas as subvencións concedidas polo Concello da Coruña e os seus organismos públicos”.

A proposta de ordenanza recolle, ademais, a creación do Rexistro Público Municipal de Axudas, Subvencións e Convenios, permitindo a consulta pública dos datos recollidos na mesma. Deste xeito, a cidadanía poderá acceder á información sobre subvencións a entidades e colectivos realizadas dende a sede municipal, cumprindo coa normativa de transparencia e bo goberno e favorecendo a claridade na xestión municipal.

Como paso previo á súa tramitación, os coruñeses e coruñesas poderán formular alegacións ou suxestións á proposta de ordenanza. O prazo é dun mes dende a data de publicación, abrindo o formulario mañá e finalizando o vindeiro 15 de xullo (ambos incluídos), a través do formulario activado na sede electrónica do Concello na seguinte ligazón:
https://csges.coruna.es/sites/Satellite?c=Page&cid=1453803500026&pagename=OVE%2FP
age%2FGenerico-Page-Generica